A Deputación inaugurará a mellora integral de Luís Rocafort o día 30 coa banda de música de Sanxenxo

A mellora integral da avenida Luís Rocafort en Sanxenxo será inaugurada o vindeiro sábado día 30 cun concerto da Banda de Música de Sanxenxo. A formación sanxenxina interpretará, a partir das doce do mediodía, un repertorio de música tradicional e popular galega e finalizará coa Marcha Radeztky, habitual nesta época de Nadal. A actuación realizarase na propia avenida, e habilitarase unha carpa en previsión de chuvia para que todas as veciñas e veciños poidan asistir.

Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez as obras da mellora integral da rúa xa están rematadas, tendo finalizado onte venres os traballos de sinalización horizontal e vertical. Tamén están realizadas as probas de iluminación, que se fixeron durante varias noites da última semana a pesares de ter ‘amantadas’ as novas farolas, que teñen un deseño feito específicamente para Sanxenxo. Só faltan, pois, moi pequenos remates, retirar todos os valos, así como a limpeza xeral da avenida. Deste xeito, cúmplese o prazo dado pola institución provincial para a mellora da estrada, cuxa formalización da transferencia ao concello se concretará nos vindeiros días.

Na inauguración estará presente a presidenta provincial Carmela Silva, así como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen xa manifestou en diferentes ocasións a súa satisfacción pola grande calidade da obra, cun deseño que servirá para mellorar claramente a mobilidade peonil nunha vía estratéxica para o concello de Sanxenxo, utilizada non só pola veciñanza, senón tamén como acceso principal por moitos turistas.

Eixo de entrada na vila

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez manifestou que o fin da reforma integral de Luís Rocafort  en Sanxenxo vén a demostrar publicamente que a actuación ten unha grande calidade urbana e servirá para mellorar de xeito ostensible o tránsito peonil nesta vía estratéxica da vila, tanto para a súa veciñanza como para os milleiros de usuarios que se trasladan na época estival. “Sanxenxo merecía unha actuación singular que marcase unha nova forma de facer as cousas. Sobre todo tendo en conta que hai que potenciar a preferencia peonil e das persoas nas obras que faga a Deputación”, subliñou.

A obra de Luís Rocafort foi adxudicada á UTE formada polas empresas Nexia-Oresa, que presentou unha oferta de 1.256.062,74 euros, cunha baixa de máis do 20% sobre o prezo de licitación, e que cumpriu moi satisfactoriamente cos prazos e as calidades marcadas dende a institución provincial. A empresa, a pesares dos contratempos que supoñía realizar un parón estival nos traballos para adaptarse ao turismo da vila, aceptou o paréntese nas obras e realizou remates nas beirarrúas e nos traballos feitos que deixaron a apariencia dunha estrada finalizada no verán e con todas as garantías de seguranza para os usuarios a pesares de que despois habería que desfacer boa parte para acometer outros traballos.

 

Fuente: Deputación de Pontevedra



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.

ACEPTAR